Traballo con pequenos productores de café que creceron supeditados aos dictados da Bolsa de Nova York (onde se fixan os prezos do café salvadoreño) e á picardía dos "coyotes" (intermediarios que acaparan café a prezos irrisorios aproveitando as difíciles circunstancias dos caficultores e que venden a terceiros cobrando suculentas comisións).
O café é un mercado cíclico, con anos de bos prezos, seguidos de grandes caídas e onde o pequeno caficultor é o principal "sufridor", xa que sinte moi directamente os anos de vacas fracas e non se beneficia proporcionalmente durante as tempadas de vacas gordas.
Estar certificados cun selo de Comercio Xusto resulta entón unha valiosa alternativa para eles. Os custos de certificación e os requisitos que deben cumprir son elevados, pero o obxectivo final é conseguir aumentar o seu nivel de vida e que reciban un prezo xusto polo seu traballo e dedicación mentres, paralelamente, se fortalecen como organización.
Só por estar certificados, os pequenos grupos produtores teñen un prezo mínimo garantido que cobre os seus custes de produción. Ademais, reciben o que se chama "Premio social": un extra que debe, obrigatoriamente, ser investido en beneficio da comunidade onde se ubica a cooperativa, por exemplo na mellora das rúas, os subministros para o centro de saúde, en materiais para a "escuelita". Se ademais, o café posúe certificación orgánica, o produtor/a tamén se ve recompensado/a cun plus. Paga a pena destacar que o manexo orgánico implica un esforzo importante e os seus beneficios (non erosión do chan, non contaminación con produtos químicos, mantemento dos mantos acuíferos, proteción da biodiversidade...) repercuten positivamente no planeta.
Resumindo, a certificación de Comercio Xusto (CJ) outorga un valor engadido ao café e permite aos pequenos productores recibir pagos dignos polo seu traballo. Pero para que as persoas campesiñas poidan beneficiarse de pertencer ao Comercio Xusto debemos ter compradores de Comercio Xusto! Aí é onde debemos apostamos por unha sociedade sensibilizada por un consumo responsable. Temos que traballar no cambio de mentalidade, de hábitos de consumo no Norte, para que o Sur reciba, ao fin, os froitos do seu traballo.
Creo que é un círculo que temos que ir pechando desde ambos lados do charco. A sociedade de consumo de países (supostamente) desenvolvidos ten o seu parte de responsabilidade, non só para mellorar as condicións de vida dos campesiños do Sur, senón tamén para estabrecer unhas regras do xogo nas que todas e todos salamos beneficiadas.
O Comercio Xusto non é cooperación asistencialista. É quizais a alternativa mellor ideada (iso non quita que haxa moito que mellorar, pero requeriría un artigo específico) para que uns paguen e outros cobren de xeito equilibrado.
Non fai moito, realicei un obradoiro nas cooperativas de Apecafé para presentar detalladamente o que é e o que implica estar certificados baixo Comercio Xusto. Iniciaba as capacitaciones preguntando: "Que cren que é isto do Comercio Xusto? A que o asocian vostedes?" e responderon con conceptos como: "respecto", "oportunidade de desenvolvemento", "xustiza", "responsabilidade", "non explotación", "salario xusto", "benestar da familia", "recoñecer o traballo de pequenos produtores/as", "oportunidade para exportar"...
Traballo coa esperanza de que algún día estas mesmas palabras as compartamos no Norte persoas coa mesma sensibilidade.
Por Beatriz Cabrero, cooperante en El Salvador
|