 Por mor da nova relación comercial que iniciaron o tostador catalán Cafès Novell e a organización nicaraguana Cecocafen, socia de Cafenica, falamos cos seus xerentes, Martha Villareyna e Josep Novell, respectivamente, dos beneficios do presente e as expectativas de futuro desta nova etapa.
Martha Villareyna, xerente de Cecocafen.
Que beneficios xerou a Cecocafen a nova relación comercial con Cafés Novell?
Grazas a esta nova relación comercial con Cafés Novell, Cecocafen terá maior presenza no mercado español e incrementará as vendas de cafés certificados (UTZ Certified e FLO). E todo isto vén apoiar o obxectivo da nosa organización de mellora da calidade de vida das familias produtoras.
Como ve o futuro da relación comercial con Cafés Novell?
Para o ciclo 08-09 é a nosa primeira experiencia e está xustmente nos seus inicios. Até agora, os resultados indican que pode ser unha relación comercial moi sólida. A nosa experiencia é que as relacións comerciais están baseadas na confianza, a cal se obtén partindo da satisfacción dos actores.
Ven posibilidades de vender café a outros tostadores españois?
Si, a condición de que haxa disposición de enmarcar a relación comercial nos termos en que Cecocafen veu facendo até agora e compartir connosco o concepto de Comercio Xusto no campo e o intercambio de calidades, é dicir, mellor calidade de produtos e servizos por mellor calidade de vida das familias produtoras.
Josep Novell, xerente de Cafès Novell
É a primeira vez que Cafès Novell compra café directamente a unha organización de pequenos produtores. Por que esta decisión?
Si e non. Compramos café directamente aos puntos de orixe e, en ocasións, a cooperativas que non son moi grandes, pero mercar a unha organización que sexa explicitamente de pequenos produtores si que é a primeira vez. Esta decisión é unha consecuencia lóxica do aumento do volume tratado de cafés certificados. Este ano pecharémolo por enriba dos 200.000 kg. de café certificado comprado e, ademais, non é un feito puntual, senón que nos próximos anos esta cifra vai aumentar significativamente, por iso necesitamos contar con organizacións como Cecocafen, que nos garantan unha calidade ao tempo que unha regularidade na subministración de café.
Que beneficios supuxo para a empresa?
Cando hai uns anos propuxémonos traballar este tipo de cafés, fixémolo basicamente por un motivo: responsabilidade. Criamos que nunha empresa como a nosa, onde tratamos a diario con cafés de calidade, debiamos focalizar a nosa achega cara ao produtor. Neste sentido, o principal beneficio para a empresa é o feito de que sexa percibida como unha empresa innovadora, posto que o feito de compatibilizar conceptos como responsabilidade e calidade asegúranos un pouco máis o futuro. Por outra banda, a nivel interno, tivo un efecto estimulante e motivador nos colaboradores da nosa empresa.
No futuro aumentaranse as súas relacións comerciais directas con organizacións de pequenos produtores?
Si. Neste sentido a nosa aposta non ofrece dúbidas: o 100% do café que comercializamos ao píblico final (canle vending e minivending) é café certificado, mentres que para o resto, que o vendemos á hostalaría, impuxémonos un calendario para ir transformando os nosos clientes de café estándar a café certificado, co que os aumentos nos próximos anos serán importantes. E con organizacións como Cecocafen sentímonos moi a gusto, xa que aúnan uns cafés de alta calidade, frescos e moi ben preparados coa garantía de que son cafés "xustos".
Será no 2013 todo o café que comercializa Cafés Novell de Comercio Xusto?
Como comentei anteriormente, no seu día, fixamos un calendario, no que establecemos que, no ano 2015, todo o café que produzamos será café certificado, aínda que coa progresión actual, no 2013 terminariamos o proceso.
|